Na segunda das miñas entrevistas, tiven a oportunidade de falar cunha rapaza que cursou os seus estudos nun instituto de secundaria e formación profesional de Vilagarcía de Arousa. A través deste encontro transmitiume a súa percepción de como a droga deixa a súa pegada na socioeconomía local.
Na opinión desta muller o negocio do narcotráfico supón unha vantaxe, coa que non contan outras cidades galegas, á hora de falar economía. Outra cousa quizais sexa o social.
Alén disto tamén engadiu máis información en íntima relación coa anterior entrevista que teño publicado. Empregaremos de novo un nome falso, Lorena. Espero que vos guste.
1. Como estudante en Vilagarcía de Arousa soupeches dende un principio o que se cocía na sociedade arousá?
L. - Si, de feito xa ía advertida da trastenda que supoñía a droga na vila. A simple vista pode parecer un pobo normal, pero axiña te das conta de que non é todo tan legal como semella ser.
2. Que foi o que máis che destacou cando arrivaches no instituto de Vilagarcía?
L. - Nas primeiras semanas, e despois de ter entablado amizades, notei certos detalles que me chamaron moitísimo a atención. Por exemplo, os fillos de narcotraficantes; na súa gran maioría, dispoñían de coche antes de ter carné de conducir. Mentres o común dos mortais acudían ao instituto con mochila, as fillas de narcos lucían carísimos bolsos de prestixiosas marcas.
3. Entón, apréciase a simple vista que son fillos de quen son?
L. - A simple vista non, vas vendo os detalles que xa che dixen, e vaste dando conta.
4. En canto á vida laboral dos pais destes compañeiros, solían falar dela e do futuro laboral deles mesmos?
L. - Non soen falar en ningún momento dos seus pais, incluíndo nisto todo tipo de pormenores. Non falan da vida dos seus pais como podemos facer ti mais eu, que se foron de vacacións, que se cambiaron de residencia...
Do futuro laboral deles mesmos, polo que me teño encontrado, non é algo que lles preocupe en exceso. Cando saen do instituto teñen o futuro laboral garantido.
5. Logo, cres se nota o impacto económico da droga na zona de Arousa?
L. - Creo que se nota moito. A maioría dos narcotraficantes montan negocios para blanquear as cuantías ingresadas pola droga, xerando así emprego e riqueza, e cerrando un círculo económico ao redor da droga.
6. Tiveches a oportunidade de coñecer algún narco? En que actividades dicían traballar?
L. - Si, todos os narcos que cheguei a coñecer tiñan traballos normais. Bueno, sei os traballos que che din que teñen, sexa realidade ou non xa é outro cantar.
7. Despois de coñecer un pouco o teu paso polo centro educativo, que nos podes contar das forzas de seguridade e a droga en Vilagarcía?
L. - Pois mira, resulta curioso que as unidades de narcotráfico da Garda Civil fagan case todos os días maniobras de buceo en zonas onde eles cren que pode haber algo relacionado coas drogas. Áreas como a pé de porto, entre os barcos...
8. - Existe relación socioeconómica entre os narcos e o resto da sociedade alén das empresas montadas para blanquear os ingresos da droga?
L. - Pois si, pódoche contar diferentes casos, por exemplo, nalgunhas ocasións os narcos deixan fardos agochados en bateas para que logo os donos destas acerquen o contido dos alixos á costa sen levantar tanta sospeita. O mercado de venta de barcos e planeadoras estivo durante moito tempo en auxe nesta zona, un coñecido meu afirma ter vendido planeadoras de ata 1000 cabalos a importantes narcos. Hoxe a cousa cambiou neste eido.
9. - En que cambiou logo?
L. - Polo que me teñen contado hoxe en día o traslado de alixos en potentes planeadoras retrocede en retrimento de pequenos submariños que traen importantes cantidades de droga dende países de ultramar.
10. Sempre tiven a curiosidade de saber que pasa coa droga cando os narcos se desfacían dela tirándoa pola borda, que me podes contar?
L. - Pois antigamente moitos deles chegaban á praia e eran interceptados pola Garda Civil. Hoxe en día moitos cargamentos dispoñen de radio balizas para que en caso de ter que tiralos ao mar, logo mediante radares poder localizar de novo a mercadoría.
11. Tes idea dos países de onde provén a droga que entra por Galicia?
L. - Polo que teño sabido o contrabando que chega ás costas galegas a través dos nosos portos procede de países como Bolivia, Perú, Países Baixos ou Marrocos. No caso de drogas de deseño ,como o LSD ou o crack, o seu lugar de orixe soe ser Rusia ou os Estados Unidos.
Moitísimas grazas polo teu tempo.
Como podedes ver o paso desta rapaza por estas terras serviulle para entrar en contacto co día a día do mundo da droga na ría de Arousa. A información que nos transmitiu serve para darse conta do positivo que pode ser a droga para unha sociedade e a súa economía; pero non é ouro todo o que reloce, a droga tamén un lado escuro que tentaremos desvelar en vindeiras tomas de contacto.
Boa tarde.